jueves, 22 de marzo de 2012

Comunicado do Colectivo de PDI Interino da USC

Para a súa difusión entre a comunidade universitaria, a continuación se presenta o contido do comunicado do Colectivo de PDI Interino da USC:

Comunicado do Colectivo de PDI Interino da
Universidade de Santiago de Compostela
O colectivo de profesores interinos da USC (CIUSC) quere expresar as súas inquedanzas polo futuro da Universidade pública, a que está a prestar un servizo esencial para a sociedade.
No caso da USC esa situación é particularmente grave, o que ocasiona un aumento da precariedade do persoal e mesmo a perda do posto de traballo despois de moitos anos de dedicación á Universidade. Estas son as circunstancias nas que se atopan distintos colectivos, como os profesores asociados, os profesores interinos, os contratados con cargo a proxectos de I+D, os investigadores dos Programas de Recursos Humanos (Parga Pondal, Ramón y Cajal, …) e os PAS interinos.
Consideramos preciso concienciar á sociedade da necesidade de que a Universidade poda seguir prestando un servizo básico para a sociedade con calidade. O Plan de Financiamento Universitario da Xunta de Galicia e o Real Decreto-lei 20/2011, que implica unha taxa de reposición cero, supoñen unha grave ameaza á continuidade do servizo prestado pola nosa institución. Os fortes recortes que están sufrindo todas as partidas de gasto atentan gravemente contra a calidade do servizo integral que debe prestar a nosa universidade. Sirvan de mostra do deterioro da calidade os grupos de estudantes excesivamente numerosos ou, a non cobertura de xubilacións, que implicará que outras áreas de coñecemento con capacidade cuantitativa, pero sen a necesaria especialización, cubran a docencia desas materias. A redución dos servizos e persoal de limpeza, seguridade ou actividades deportivas, a redución de fondos para adquisicións bibliográficas ou a interrupción de coleccións periódicas, as restricións para fotocopias, material e reactivos para impartir as prácticas constitúen máis exemplos.
Nesta preocupante situación, o noso colectivo percibe un esquecemento múltiple por parte da institución universitaria na que presta servizos docentes, investigadores e de xestión fundamentais para o seu funcionamento. A día de hoxe a USC conta con 57 profesores interinos dos que, 27 o son por vacante (á espera da cobertura definitiva do posto de traballo) e, nos restantes, hai un número importante de substitucións de moi longa duración por cargo académico, servizos especiais ou comisión de servizos. A realidade mostra que as substitucións por vacante, xubilación, e mesmo as situacións de servizos especiais ou cargo académico acaban converténdose en interinidades de longa duración. De feito, 19 persoas do colectivo superan os catro anos de antigüidade, con situacións que poden chegar a duplicar e mesmo triplicar esa cifra, o que demostra que non se trata de meras substitucións conxunturais, senón de necesidades estruturais para garantir a cobertura da docencia.
Por outra banda, a ausencia de políticas de renovación do cadro de persoal e a non utilización das figuras contractuais de inicio da carreira docente (ex. Axudante), ten provocado que, nos últimos anos, unha grande parte das incorporacións ao PDI se teña producido a través de contratos temporais de substitución ou asociados, por ser as únicas convocatorias con capacidade de captación de profesorado nun número importante de áreas de coñecemento.
Logo de ser seleccionados en procesos competitivos, contamos en moitos casos, con anos de intensa dedicación docente, investigadora e de xestión, e vemos como as situacións de interinidade se prolongan e as perspectivas de estabilización non se concretan. 31 somos doutores e os outros están en distintas fases de realización da súa tese. No eido da docencia, impartimos materias en todos os niveis, tamén  en Másters Universitarios e Programas de Doutoramento. Temos participado activamente nas experiencias piloto de adaptación á Espazo Europeo de Educación Superior e no deseño das novas titulacións. No ámbito da investigación, publicamos artigos en revistas nacionais e internacionais de gran recoñecemento e libros, asistimos periodicamente a congresos e impartimos conferencias. Colaboramos activamente nos grupos aos que pertencemos e participamos en proxectos de investigación competitivos de carácter europeo, nacional e autonómico (nos que non podemos figurar como investigadores principais). Tamén participamos en contratos e convenios con administracións públicas e empresas privadas, tanto como investigadores principais ou como membros. Así, transferimos o coñecemento á sociedade. Tamén diriximos teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Grao. Realizamos estadías de investigación en Universidades estranxeiras de recoñecido prestixio, mantendo un importante intercambio de coñecemento con grupos pioneiros nas temáticas da nosa investigación. No ámbito da xestión, desempeñamos cargos como vicedecanatos, secretarías de Departamento ou de Comisións Académicas de Máster. Tamén coordinamos prácticas en titulacións de grao e Máster, estudantes Erasmus, o Europrácticum. Moitos de nós conseguimos a acreditación para figuras de profesorado en procesos de avaliación externa.
Por todo o exposto, queremos que se tome conciencia da situación do PDI interino, ausente no debate actual, e se garanta a nosa permanencia e estabilización na USC.
Somos un colectivo moi diverso ao que contribúe grandemente a perpetuación da persoa na figura de interino como tal.

POR ISO REIVINDICAMOS:

1)      Prórroga automática de todos os contratos de profesores interinos seleccionados en procesos competitivos para o próximo curso (2012-2013), dado que se manteñen as necesidades docentes e existen fortes restricións para convocar novas interinidades.
2)      Recoñecemento do dereito á estabilización e establecemento das condicións para a promoción laboral.
3)      Que se retome o proceso de estabilización de interinos de longa duración e que se contemple coa mesma atención que ao resto de colectivos.
4)      Que se garanta unha mínima permanencia e estabilidade nos contratos de prórroga anual e que o PDI interino sempre finalice o cuadrimestre de docencia, para evitar prexuízos no desenvolvemento normal das materias que afecten ao estudantado.
5)      Que se inclúa especificamente o noso colectivo nas convocatorias públicas (proxectos, complementos, estadías, …), dado que nalgunhas a nosa categoría está excluída e noutras non aparece explícita.
6)      Que se teña en conta nas valoracións de méritos a intensidade e amplitude da nosa actividade docente. En moitos casos cada ano se imparten materias distintas, o que supón ter que se dedicar á preparación das novas materias, deixando nun segundo plano a investigación.

Por todo o anterior, confiamos na disposición a entender a nosa situación e a defender os nosos dereitos como traballadores da USC.

O colectivo de PDI Interino da USC

No hay comentarios:

Publicar un comentario