jueves, 22 de marzo de 2012

Escrito do Colectivo de Profesores Asociados LRU a tempo completo

Para a súa difusión entre a comunidade universitaria, a continuación se presenta o contido do comunicado do Colectivo de Profesores Asociados LRU a tempo completo deste centro:


Coñecida a proposta que a equipa reitoral levará este venres ao Consello de Goberno, os profesores asociados históricos LRU a tempo completo que levamos contratados unha media de trinta anos e ante os inminentes despedimentos que se derivan da dita proposta, queremos pór en coñecemento da comunidade universitaria que a Xunta de Facultade da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais reunida en sesión extraordinaria o 7 de marzo de 2012 e que contou cunha asistencia masiva dos seus membros, acordou por unanimidade o seguinte escrito.

“A Xunta da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, reunida en xuntanza extraordinaria o 7 de marzo de 2012 para tratar a problemática do profesorado asociado-LRU, e a repercusión que tería a interpretación de que os contratos deste profesorado rematara o 3 de maio sobre a docencia na mesma, ACORDA por unanimidade trasladarlle á equipa reitoral o seguinte:

a) Entendemos que os contratos do profesorado asociado-LRU rematan de forma natural en setembro, ao final do curso académico.
Amparámonos en que por tratarse de prazos que afectan a vida académica hai que facer o cómputo dos cinco anos que sinala a disposición transitoria 4ª da Lei orgánica 4/2007 como anos académicos e non coma anos naturais; de acordo con esta interpretación, a finalización dos contratos terá lugar en setembro e non antes de finalizar o curso, co que os dereitos de terceiros, neste caso o alumnado, quedan salvagardados.
Cumprido este prazo e para o profesorado que se atope próximo á xubilación, solicitamos que a Universidade facilite que esa xubilación se resolva de forma satisfactoria para as partes.

b) Demandamos que, ao resto do de profesorado asociado-LRU desta Facultade que non estea nesa situación de xubilación, se lle garanta un contrato equivalente ata o ano 2015 (remate de curso) co compromiso dos profesores e profesoras –respaldado polo seu Departamento– de elaborar a tese de doutoramento nese período. Estes profesores e profesoras integraríanse nas figuras contractuais definidas na lexislación vixente segundo vaian acadando o grao de doutor. Para aqueles que ao final do período estean próximos á xubilación, a Universidade axudaraos no transito á esta.
Amparamos as nosas demandas en razón de:
  • Xustiza. Este colectivo ten prestado importantes servizos a Facultade case desde o seu nacemento e, á marxe do requisito da tese de doutoramento, ten sobradamente demostrada a súa capacidade docente e tamén investigadora, e non sería xusto nin ético prescindir dos seus servizos amparándose na interpretación ríxida dunha norma que ten outra interpretación máis garantista.
  • Necesidade. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ten o maior número de alumnos matriculados da Universidade de Santiago; en consecuencia, ten una gran carga docente que require de medios humanos, e non pode diminuír o seu cadro de profesores, senón que pola contra debe incrementalo para poder ofrecer un ensino de excelencia.
  • Legalidade. Existen posibilidades legais de contratar a este profesorado ata o ano 2015 ou máis, como se está a facer noutras universidades do Estado que tampouco teñen lei de universidade propia, como a Universidade de Valladolid, por exemplo.

A Xunta de Facultade entende, así mesmo, que o problema dos profesores asociados non se pode presentar como un problema conxuntural, xa que as necesidades docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais van máis aló das prazas destes profesores, das que en ningún caso se pode prescindir, e debido tanto á carga de alumnos que atende como a estar comprometida na procura da excelencia, a través do traballo docente e investigador, precisa de maior atención no reparto de medios económicos e humanos da Universidade Santiago de Compostela.

Por último, tanto o colectivo afectado como a propia Xunta de Facultade agradeceríanlle unha pronta resposta.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2012

Asinado pola secretaria do centro e pola decana”.

É por iso que reivindicamos unha vez máis que se promova e defenda ante os órganos de goberno da USC o dereito á nosa permanencia nela e a lexítima estabilización.
Finalmente, queremos lembrar que o actual señor reitor no seu programa electoral asumía o compromiso explícito de asegurar a estabilidade de todo o persoal docente e investigador interino e contratato.

Colectivo de profesores asociados LRU a tempo completo


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario