lunes, 16 de abril de 2012

"A propiedade do vento galego"

O martes 24 de abril, ás sete e media da tarde no Salón de Actos da Facultade de CC Económicas e Empresariais de Santiago, terá lugar a presentación do libro “A propiedade do vento galego” da economista e profesora universitaria Rosa Mª Regueiro Ferreira, e editado pola Editorial Laiovento.
Este libro é resultado dunha investigación realizada na USC, na que se analiza en profundidade a xénese e do desenvolvemento do sector eólico en Galicia, dende 1995 ata a actualidade. Neste novo libro, a autora analiza e contrasta as políticas de fomento da enerxía eólica nos principais países produtores do mundo (China, Alemaña, Estados Unidos e España), en países pioneiros (Dinamarca, Reino Unido, Francia e Holanda) e en áreas potencialmente significativas (Xapón, Lituania e América Latina), tanto en enerxía eólica terrestre como en enerxía eólica offshore. Centra o estudo na caracterización do marco normativo desenvolvido en Galicia, analizando as diferentes etapas en función da normativa en vigor e determinando a potencia eólica instalada en cada unha desas etapas. Estuda de xeito pormenorizado o concurso eólico do goberno bipartito da Xunta de Galicia, así como o primeiro concurso eólico do actual goberno, definindo as principais fortalezas e debilidades de cada un. Ademais, presenta a titularidade da potencia eólica instalada en Galicia, chegando a configurar o actual atlas empresarial eólico de Galicia.
O acto estará presentado pola Decana da Facultade de CC Económicas, dona Emilia Vázquez, e participarán don José Antonio Redondo, catedrático de Economía Financeira, don Xosé Manuel Beiras, catedrático de Estrutura Económica, e a autora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario