viernes, 25 de mayo de 2012

Currículo e entrevistas: o maratón de acceso ao mercado laboral

O xoves, 12 de abril, tiven a ocasión de asistir a conferencia que impartiu Álvaro Cela del Rio, Director Xerente de Recursos Humanos de Corporación Caixa Galicia, baixo o título “A área de recursos humanos”, no marco do ciclo de conferencias que a Facultade de CC. Económicas e Empresariais organiza co Colexio de Economistas  sobre traxectorias profesionais “O exercicio da profesión na empresa”. Foi unha conferencia tremendamente útil, sobre todo para aqueles que, como eu, estamos a chamar as portas do mercado laboral. Estas son algunhas das leccións máis interesantes que extraín da conferencia.

Facer o currículo é unha tarefa á que hai que enfrontarse nunha época na que as empresas non van buscar á casa a case ninguén. A cuestión é que hoxe, cando a oferta de traballo é desbordante –e máis entre a mocidade—, isto non é suficiente e ao historial académico e profesional hai que lle engadir valor para convertelo nun documento interesante e atractivo. Atrás quedou a época na que chegaba cun resumo dos méritos, pois a uniformidade dos perfís e dos contidos fai necesario empregar a imaxinación. Facer un bo currículo é a clave para que a nosa candidatura non caia en saco roto por erros de transmisión da información. É importante diferenciar o currículo, sexa en formato físico como virtual, é imprescindible engadir unha fotografía e sempre salientar aquelo que pode ser máis relevante de cara ao posto solicitado. Tamén é importante incluír pequenas descricións sobre a experiencia laboral, puntualizando as responsabilidades e o conxunto de actividades que implicou o traballo. Do que se trata sempre é de facer a información interesante e atraente.

Chegado o momento da entrevista, unha cuestión clave é a linguaxe corporal. Con ela as persoas transmiten milleiros de datos sen se decatar, de feito só coa información que emiten os ollos un bo entrevistador decatarase de cousas que o entrevistado nin sequera ten conciencia de estar expresando. Neste sentido, a recomendación é clara: a mellor forma de tratar de controlar a linguaxe corporal é non querer facelo. É aconsellable, sen embargo, evitar cruzar os brazos ou pernas, as posturas tanto distendidas como tensas e, en calquera caso, convén usar a técnica do espello, que consiste en tratar de imitar o que fai o interlocutor.

O apartado das preguntas trampa ten tamén o seu propio manual e a mellor recomendación pasa sempre por tratar de ser político. Un exemplo deste tipo de cuestións para poñer a proba o compromiso do candidato é interrogar sobre os plans que se teñen para as próximas vacacións. “É moi diferente dicir ‘teño pensado facer unha viaxe’ a dicir ‘tiña pensado facer unha viaxe”, explicou Álvaro Cela. Son pequenos trucos dos que é difícil decatarse cos nervios pero que se poden ensaiar e tratar de limar. Hai que ter en conta que as entrevistas moitas veces collen camiños inesperados para o aspirante, que pode verse na situación de ter que falar dunha faceta súa que nada ten que ver co posto. Pasa de cotío cos deportes e nestes casos o importante é destacar o positivo. O atletismo adoita parecer unha práctica individualista e as artes marciais agresiva, por exemplo; pero na man do entrevistado está falar de superación persoal no primeiro caso, e de respecto polo rival e interese por outras culturas no segundo.

Malia que non existen unhas regras universais que sexan a panacea para o acceso ao mundo laboral, quizais interiorizar algunhas destas técnicas e seguir os consellos de quen ten unha carreira dedicada a este eido pode ser de axuda en momentos de tensión, pois ter o maior control posible para evitar sorpresas desagradables require preparación e rodaxe.

María Xosé Aira Martín
Alumna do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC

1 comentario: