miércoles, 6 de mayo de 2015

A importancia da localización na rendibilidade do sector hoteleiro

Onte, no Salón de Graos da Facultade tivo lugar a defensa da tese de doutoramento ‘Impacto económico-financeiro da localización no sector hoteleiro español’, traballo realizado por Rubén Lado Sestayo  e pola que acadou a cualificación de Sobresaliente cum laude. Actualmente Rubén Lado Sestayo é xestor de innovación na Fundación Ramón Domínguez e membro do grupo de investigación de Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP) da Universidade de Santiago de Compostela
 
A súa principal conclusión é que a localización exerce unha influenza significativa na rendibilidade, entrada de competidores e a probabilidade de fracaso no sector hoteleiro español. A investigación realizada supón unha adaptación dos modelos teóricos de localización e a súa aplicación empírica, con carácter inédito, ao sector hoteleiro español. De xeito particular, os resultados obtidos sinalan que a rendibilidade dos hoteis depende en grande medida da estrutura de mercado e o nivel de demanda en cada un dos 97 puntos turísticos existentes no territorio español, unha vez consideradas outras características propias deste tipo de empresas.
 
Asemade, Rubén Lado subliña no traballo a necesidade de potenciar a mellora do capital humano, dado que xera un efecto de atracción de novos competidores, destacando así a existencia de externalidades de coñecemento. Neste senso, o autor destaca a importancia das políticas públicas como vehículo que permite modificar a situación actual do entorno competitivo, o cal incide directamente na dinámica empresarial.
 
A tese de doutoramento conclúe coa exposición dun modelo de predición da creba empresarial desenvolvido especificamente para o sector hoteleiro, onde non só se inclúen ratios financeiros propios de cada hotel senón tamén variables propias do punto turístico onde opera. Como futura liña de traballo Rubén Lado salienta a necesidade de centrar o foco da análise no estudo de localizacións específicas que caracterizan recursos turísticos relevantes na contorna como, por exemplo, o Camiño de Santiago.
 

Os profesores da USC Luis Otero e Isabel Neira dirixiron a tese de doutoramento que foi avaliada por un tribunal integrado por José Antonio Laínez Gadea, da Universidade de Zaragoza; Ignacio Rodríguez del Bosque, da Universidade de Cantabria; Santiago Lago Peñas, da Universidade de Vigo; Anxo Calvo Silvosa, da Universidade da Coruña; e Fidel Martínez Roget, da USC.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario