miércoles, 4 de abril de 2018

Premio para o profesor óscar Rodil

Hoxe, 4 de abril, tivo lugar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome o acto de entrega do I PREMIO Á PROMOCIÓN DA USC NOS DESTINOS INTERNACIONAIS, cuxo 1º premio na área de Ciencias Sociais e Xurídicas recaeu en Óscar Rodil Marzábal, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Este premio foi convocado en convocatoria aberta e competitiva pola Vicerreitoría de Internacionalización da USC co obxectivo de promocionar e visibilizar a USC nos destino da mobilidade internacional, en liña coa acción 4.1. do Plan Estratéxico de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela.

Mais información no Xornal da USC.

lunes, 19 de febrero de 2018

Xornada sobre o estado actual do emprendemento entre os universitarios

No marco da celebración dos 50 anos dos estudos de economía de Galicia, o equipo GEM Galicia organizou o pasado venres 16 de febrero, en colaboración coa Secretaría Xeral de Universidades, unha xornada na que se analizou o estado actual do emprendemento entre os universitarios españois e, en particular, galegos.
 
Na sesión abordouse ademais esta temática desde a perspectiva de xénero, dados os resultados do último informe do Global Entrepreneuship Monitor (GEM) realizado por un equipo de investigadores da USC.
 
A xornada foi inaugurada ás 12.00 horas polo secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, acompañado do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José M. Cotos, e a decana do centro, Emilia Vázquez.
 
Na mesa redonda, moderada pola profesora da USC e directora de GEM Galicia, Loreto Fernández, participaron catro especialistas que explicaron a realidade da cuestión no momento actual. A doutora Maribel Guerrero, actualmente na Universidade de Newcastle (UK) deu a coñecer os resultados do Observatorio de Emprendemento Universitario en España CISE-CRUE-RedEmprendia, do que é autora. A profesora da USC e directora técnica do Informe GEM Galicia, Isabel Neira, fixo unha análise da situación no sistema universitario galego.
 
O emprendemento universitario desde unha perspectiva de xénero foi o tema tratado pola técnica de transferencia de coñecemento no Programa Woman Emprende da USC, Eva López, e a promotora da empresa Situm, Cristina Gamallo.
 
 
Tendencia ao emprendemento
 
Segundo datos do Observatorio de Emprendemento Universitario CRUE-CISE-RedEmprendia no que participou o equipo GEM da USC, un terzo dos universitarios españois que cursan últimos cursos manifesta a intención de emprender en poucos anos. Os resultados do Informe GEM-Galicia 2016 corroboran esta tendencia maior a emprender entre a comunidade universitaria fronte á poboación xeral en Galicia (37% fronte a 13% entre 25-44 anos).
 
O proxecto GEM
 
O Global Entrepreneuship Monitor (GEM) é un observatorio internacional para analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico. En España o proxecto lidérao o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE).
 
Galicia sumouse a esta iniciativa en 2005 cun equipo configurado na actualidade pola USC, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Asociación de Novos Empresarios (FEGAXE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.